Saltar ao contido

Tchelovek s kinoapparatom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tchelovek s kinoapparatom
Ficha técnica
GuiónDziga Vértov
FotografíaMikhaíl Kaufman
MontaxeYelizaveta Svílova
Duración68 minutos
OrixeUnión Soviética
XéneroExperimental
Documental
LinguaMuda
Na rede
IMDB: tt0019760 Filmaffinity: 289269 Allocine: 26193 Rottentomatoes: m/man_with_a_movie_camera Allmovie: v31222 TCM: 330682 TV.com: movies/man-with-a-movie-camera BNE: XX4649549 Netlix: 17016091 Editar o valor en Wikidata

Tchelovek s kinoapparatom, título orixinal: Человек с киноаппаратом en galego O home da cámara, é unha película muda documental soviética de 1929, sen trama nin actores, dirixida por Dziga Vértov e montada pola súa esposa Yelizaveta Svílova.[1][2]

Nunha enquisa de 2012 realizada por Sight and Sound do British Film Institute, críticos de cine votárona como a oitava mellor película.[3]

A película

[editar | editar a fonte]

A película mostra o día típico dunha cidade soviética (rodada en Kíiv, Moscova e Odesa), comezando coas actividades no espazo público, paralelas ao sector privado.[4] As escenas que se observan, de ritmo rápido, cobren todo o período de eventos públicos e a realidade laboral do individuo durante un día até a noite, cando a vida "ocupada" retárdase e comeza a noite coas súas actividades de lecer para a persoa media. Moitas escenas son desde o punto de vista dun reporteiro. Ademais, destácanse os puntos de inflexión da existencia humana: nacemento, morte, matrimonio, divorcio.

Trala estrea oficial, Vértov incluíu a seguinte declaración ao comezo da película:

«A película Tchelovek s kinoapparatom representa

UNHA EXPERIMENTACIÓN NA COMUNICACIÓN CINEMÁTICA
De fenómeno visual
SEN O USO DE INTERTÍTULOS
(Unha película sen intertítulos)
SEN A AXUDA DUN GUIÓN
(Unha película sen guión)
SEN A AXUDA DO TEATRO
(Unha película sen actores, sen escenarios, etc.)

Este novo traballo de experimentación de Cine-Ollo está dirixido á creación dunha auténtica linguaxe internacional absoluta do cine sobre a base da súa completa separación da linguaxe do teatro e a literatura.»

Este manifesto facía eco a outro anterior que Vértov publicara en 1922, no que desacreditaba as películas populares que, segundo el, estaban en débeda coa literatura e o teatro.[5]

Para a sociedade rusa, a década de 1920 significou un período de axitación. A Revolución de Febreiro e a de Outubro de 1917 cambiaran fundamentalmente as relacións de dominación rusas. A caída da monarquía na Revolución de Febreiro de 1917 e o posterior derrocamento do Goberno provisional ruso polos bolxeviques en outubro conduciron á expropiación da propiedade privada e a nacionalización da industria. O marxismo converteuse na filosofía fundamental da toma de decisións políticas e sociais. En 1922, foi establecida a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.

Nestes momentos de axitación social, os cineastas rusos eran conscientes do seu poder de creación de imaxes. Utilizaron o medio do cine para escenificar a construción socialista da sociedade, e mesmo consideraron isto como a intención real do filme e o cine. Entre outros escritos de Dziga Vértov sobre o cine, constatan constantemente esta intención dunha funcionalidade socialista do cine.

Cine-ollo

[editar | editar a fonte]
Mikhail Kaufman montando una cámara en un tren.
Mikhaíl Kaufman montando unha cámara arriba dun tren para realizar unha filmación.

Os Kinoki (nome do grupo creado por Vértov e outros afeccionados do Cine-Ollo) víanse a si mesmos como unha oposición aos "cineastas" e a concepción económica, psicolóxica e teatralizada da "cousa do cine". O círculo íntimo dos Kinoki estaba composto polo "Consello dos Tres", Dziga Vértov, o seu irmán, o director de fotografía Mikhaíl Kaufman, e a esposa de Vértov, a editora de películas Yelizaveta Svílova. A película debía separarse dos dispositivos estilísticos clásicos como a literatura ou o escenario e así desenvolver unha linguaxe independente. A vida real e a gravación inesperada, nin planificada nin escenificada, foi o escenario dos Kinoki. No manifesto publicado en 1934 "Kino-Pravda" (Кино-Правда ou Cine-Verdade), Vértov escribe:[6]

"Non cine-ollo polo ben do cine-ollo, senón a verdade cos medios de cine-ollo, iso é Cine-Verdade. Non é a admisión inesperada co fin da admisión inesperada, senón mostrar a xente sen máscara, sen maquillaxe, para capturalos cos ollos do aparello cando non finxen. Ler os teus pensamentos expostos polo cristal do cine".
Dziga Vértov

Ao mesmo tempo, con todo, Vértov asumiu que as imaxes "sen vernizar" poderían ensamblarse nun ideal que influiría na sociedade na súa forma de vida. En Kinoki, di:

"Son un cine-ollo, creo unha persoa que é máis perfecta que Adán, creo miles de persoas diferentes segundo diferentes plans e esquemas previamente deseñados. [...] Dun collo as mans máis fortes e hábiles, doutro, as pernas máis finas e rápidas, dun terceiro a cabeza máis fermosa e expresiva, e mediante a montaxe crean un home novo e perfecto."
Dziga Vértov

Este principio pódese atopar en Tchelovek s kinoapparatom. Ao condensar as imaxes de tres cidades, Kíiv, Odesa e Moscova, nunha cidade ideal, achégase á utopía. O espertar desta cidade ideal é equivalente ao espertar da revolución socialista.

Aspectos estilísticos e técnica

[editar | editar a fonte]

Traballando dentro dunha ideoloxía marxista, Vértov esforzouse por crear unha cidade futurista que servise como comentario sobre os ideais existentes no mundo soviético. O propósito desta cidade artificial era espertar ao cidadán soviético a través da verdade e, en última instancia, lograr comprensión e acción. A estética do cine-ollo brillou na súa interpretación da electrificación, a industrialización e os logros dos traballadores a través do traballo duro. Isto tamén podería verse como o temperán modernismo no cine.

Fotograma da película que utiliza o efecto de pantalla dividida.

Algúns declararon erroneamente que moitas ideas visuais, como a edición rápida, os primeiros planos da maquinaria, os escaparates das tendas, incluso as tomas dun teclado dunha máquina de escribir, están tomadas da obra Berlin: Die Sinfonie der Großstadt (en galego, Berlín: Sinfonía dunha Gran Cidade) (1927) de Walter Ruttmann, que precede a Tchelovek s kinoapparatom por dous anos, pero como Vértov escribiu á prensa alemá en 1929, estas técnicas e imaxes foran desenvolvidas e empregadas por el nos seus noticiarios e documentais de Cine-ollo durante os últimos dez anos, o cal é anterior a Berlín.[7] Os pioneiros conceptos cinematográficos de Vértov en realidade inspiraron outras películas abstractas de Ruttmann e outras persoas, incluído o escritor, tradutor, cineasta e crítico Liu Na'ou (1905-1940), cuxo The Man Who Has a Camera (1933) rende homenaxe explícita a Tchelovek s kinoapparatom de Vértov.[8]

Moitas técnicas cinematográficas foron utilizadas para facer a película, incluíndo exposición dobre, cámara rápida, cámara lenta, fotogramas conxelados, cortes de salto, pantallas divididas, ángulos holandeses, primeiros planos, travelling, metraxe reproducida ao revés, stop motion e imaxes auto-reflexivas. As secuencias e os primeiros planos capturan calidades emocionais, que non se poden retratar completamente mediante o uso de palabras. A falta de "actores" e "sets" da película xera nunha visión única do mundo cotián; unha que, segundo o cartel do título, diríxese cara á creación dunha nova linguaxe cinematográfica que está "separada da linguaxe do teatro e a literatura".

Recepción

[editar | editar a fonte]

Tchelovek s kinoapparatom non sempre foi recibido dunha maneira positiva. Os contemporáneos soviéticos criticaron a súa prioridade pola utilización das formas en lugar do contido, mesmo Serguéi Eisenstein burlouse da película como un "vandalismo de cámara sen sentido".[9] O traballo tamén foi desestimado en Occidente.[10] O documentalista Paul Rotha dixo que en Gran Bretaña, Vértov era "considerado realmente como unha broma, xa sabes. Todo este recorte, e unha cámara fotografando a outra cámara – todo era un engano, e non o tomamos en serio".[11] O ritmo de edición da película – máis de catro veces máis rápido que unha película típica de 1929, con aproximadamente 1.775 tomas distintas – tamén perturbou aos espectadores, incluído o crítico Mordaunt Hall[12] do New York Times.

Revalorización

[editar | editar a fonte]

Tchelovek s kinoapparatom é considerada por moitos como unha das mellores películas xamais feitas, ocupando o oitavo posto na enquisa de Sight & Sound en 2012 na categoría de mellor película. En 2009, Roger Erbert escribiu: "Fixo explícito e poético o asombroso agasallo que o cine fixo posible, de organizar o que vemos, ordenalo, impor un ritmo e unha linguaxe, e facelo transcender."[13]

  1. Dziga Vertov. On Kinopravda. 1924, and The Man with the Movie Camera. 1928, in Annette Michelson ed. Kevin O'Brien tr. Kino-Eye : The Writings of Dziga Vertov, University of California Press, 1995.
  2. Yelizaveta Svílova (Yelizaveta Ignátievna Svílova / Елизаве́та Игна́тьевна Сви́лова, 1900 - 1975): produtora e montadora soviética.
  3. "Sight & Sound Revises Best-Films-Ever Lists" (en inglés). 1 de agosto de 2012. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2021. Consultado o 1 de agosto de 2012. 
  4. Bradshaw, Peter (30 de xullo de 2015). "Man With a Movie Camera review – visionary, transformative 1929 experimental film". The Guardian (en inglés). 
  5. "Images - Man With a Movie Camera by Grant Tracey" (en inglés). Consultado o 10 de marzo do 2016. 
  6. Vertov, Dziga (1984). University of California Press - Annette Michelson, ed. Kino-Eye: The Writings of Dziga Vertov. 
  7. Dziga Vertov. Carta dende Berlin, páxina 101, en Annette Michelson ed. Kevin O'Brien tr. Kino-Eye : The Writings of Dziga Vertov, University of California Press, 1995.
  8. Rhythmic movement, the city symphony and transcultural transmediality: Liu Na'ou and The Man Who Has a Camera (1933) Ling Zhang a Department of Cinema and Media Studies, The University of Chicago, Classics 305, 1010 E. 59th Street, Chicago, IL 60637, USA Journal of Chinese Cinemas Volume 9, Issue 1, 2015, páxinas 42-61. Publicación en liña: 11 de marzo de 2015. doi 10.1080/17508061.2015.1010303.
  9. Felicia Feaster. "Man With a Movie Camera". Turner Classic Movies, Inc. 
  10. "Critics’ 50 Greatest Documentaries of All Time". British Film Institute. 25 de abril de 2019. 
  11. Roberts (2000). The Man With the Movie Camera: The Film Companion. I.B. Tauris. p. 99. ISBN 1860643949. 
  12. Roger Ebert (1 de xullo de 2009). "Man With a Movie Camera". Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2012. Consultado o 22 de decembro de 2021. 
  13. "Man with a Movie Camera (1929)". British Film Institute. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  翻译: