Tratado de Londres (1604)
O Tratado de Londres de 1604 foi un tratado de paz, asinado por España e Inglaterra na cidade de Londres o 28 de agosto de 1604 que marcou o final da Guerra anglo-española de 1585-1604.
As negociacións tiveron lugar no Somerset House, polo que o tratado é coñecido tamén como a Conferencia de Somerset House. As condicións do tratado foron favorables a España, pero á vez España houbo de comprometerse a non intentar invadir Inglaterra.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]En 1603, España e Inglaterra levan case 20 anos en guerra, con enormes perdas para ambos os países. Coa excepción de dúas vitorias inglesas nos primeiros momentos da guerra (a expedición de Drake de 1587 e a da Armada Invencible en 1588), os sucesivos enfrontamentos contábanse en vitorias españolas. En 1589 a Invencible Inglesa foi repelida na costa de Portugal, con grandes perdas. Ademais, miles de soldados ingleses foran enviados a Francia e Flandres para loitar xunto aos rebeldes contra as tropas españolas, practicamente sen éxito. Un levantamento católico en Irlanda, apoiado ocasionalmente por España, desangraba Inglaterra de homes, diñeiro e moral (Guerra dos Nove Anos). O tesouro inglés estaba esgotado pola guerra, tras décadas de fornecer fondos aos rebeldes protestantes en Francia e Flandres, e problemas sanitarios (a peste) e alimentarios (malas colleitas).
Engadido a isto, os esforzos españois para defender a Frota de Indias resultaran exitosos. Tamén fracasaron todos os intentos ingleses de apropiarse dalgunha das posesións españolas de ultramar: John Hawkins e Francis Drake morreron en 1595 e 1596, nun desastroso ataque contra as posesións españolas no Caribe. En 1596, Cádiz foi atacada de novo por unha frota combinada anglo-holandesa, o que causou enormes danos na cidade, aínda que os atacantes non puideron levar o tesouro da Frota de Indias. Outros ataques marítimos ingleses, como o intento de toma dos Azores en 1597, só cultivaron fracasos.
A situación en España tampouco era demasiado boa, tras décadas de guerra cos rebeldes holandeses, Francia, Inglaterra, o Imperio Otomán e os piratas berberiscos, que obrigaban a satisfacer o custo de manter un exército profesional, a mariña, e a defensa dun imperio estendido por catro continentes. A situación foi agravada por unha epidemia de peste en Castela.
Filipe II morreu en 1598 sendo sucedido por Filipe III, e tras a morte de Isabel I de Inglaterra en 1603, o seu sucesor Xacobe I de Inglaterra impón unha política menos belicosa, suspendendo as hostilidades con España.
Condicións
[editar | editar a fonte]Neste contexto hai que entender que a promesa de Xacobe I de non intervir nos asuntos continentais fose suficiente para Filipe III para asinar a paz. A cambio, España renunciaba a nomear un rei católico para a coroa de Inglaterra, e ata a garantir tolerancia inglesa ao catolicismo.
Segundo as condicións do tratado, Inglaterra renunciaba a prestar ningún tipo de axuda aos Países Baixos, abría o Canle da Mancha ao transporte marítimo español, prohibía aos seus súbditos levar mercancías de España a Holanda ou viceversa, e prometía suspender as actividades dos piratas no océano Atlántico. En troques, España concedía facilidades ao comercio inglés nas Indias españolas.
A renuncia de Inglaterra a continuar axudando aos rebeldes holandeses foi a base da tregua de 1609 que supuxo que Inglaterra e España estiveran en paz ata 1624.
Delegacións
[editar | editar a fonte]A delegación inglesa estivo composta por:
- Robert Cecil, conde de Salisbury (1563-1612), Secretario de Estado, Primeiro Ministro de Jacobo I.
- Charles Blount, I conde de Devonshire (1563-1606), militar e Lord Tenente de Irlanda.
- Thomas Sackville, primeiro conde de Dorset (1536-1608), Poeta e Secretario do Tesouro.
- Henry Howard, I conde de Northampton (1540-1614)
- Charles Howard (I conde de Nottingham) (1536-1624), Lord High Admiral.
Os delegados españois proviñan dos diferentes reinos entón baixo dominio español:
- Charles de Ligne, Conde de Aremberg.
- Juan Fernández de Velasco e Tovar, Duque de Frías e Condestable de Castela.
- Jean Richardot, Presidente do Consello Privado.
- Alessandro Robida, Senador do ducado de Milán.
- Louis Vereyken, Audencier de Bruxelas.
- Juan de Tassis y Acuña, Conde de Villamediana.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Texto do tratado (en castelán).